Administración Local
|
Urbanismo
|
Deporte 
|
Turismo Xove
|
Emprego
|
Servizos Sociais
|
Delegación Agricultura
|
|
 |
Calendario.Lab. #twoj_fragment1-2 C.Fiscal #twoj_fragment1-3 Teléfonos #twoj_fragment1-4 Horario #twoj_fragment1-5

CALENDARIO LABORAL NO TERMO MUNICIPAL DE XOVE - 2026
As festas locais en todo o Termo Municipal de Xove son as seguintes:
---> 17 de FEBREIRO de 2026 (MARTES DE CARNAVAL)
---> 31 de AGOSTO de 2026 (Festa Patronal San Bartolomé de Xove) CALENDARIO DE PAGO DE TRIBUTOS

* CON CERTIFICADO DIXITAL DENDE O PORTAL DO CONTRIBUÍNTE DO SERVIZO PROVINCIAL DE RECADACIÓN PÓDESE XESTIONAR OS RECIBOS, PAGOS E CAMBIOS DE DOMICILIACIÓN BANCARIA PORTAL DO CONTRIBUÍNTE DA DIPUTACIÓN PROVINCIAL
|

|
- Imposto Municipal de Vehículos : Entre o 15 de abril e o 15 de xuño (datas aproximadas)
|
 |
- I.B.I.: Rustica e Urbana /IAE: ---15 de setembro a 15 de novembro- (datas aproximadas) Os recibos domiciliados cargaránse na súa conta en novembro, os que non están domiciliados enviánse ó domicilio do titular. No caso de que a primeiros de novembro non recibira no seu domicilio este recibo, non ten máis que solicitalo nas oficinas do Concello para poder efectuar o abono en ABANCA (Caixa Galicia).
|
Se non ten domiciliado o pago ós recibos, estos enviánse DENDE O SERVIZO PROVINCIAL DE RECAUDACIÓN DE LUGO (Telefono 982 242728) por correo ordinario ao principio do cobro, tendo en conta que a non recepción destos documentos non exime do seu pago. En caso de non recibir os recibos de vehículos ou de IBI, tamén poderá solicitalos no Concello (982-592001) Esta dirección de correo electrónico está protegida contra spambots. Usted necesita tener Javascript activado para poder verla..-
Oficina de Turismo: Avda. Diputación, s/n, 27870 Xove Tlf: 982592632
Cuartel Guardia Civil: C/Acceso cuartel, 27870 Xove Tlf: 982592053
Centro de Saúde: C/ Acceso cuartel, 27870 Xove Tlf: 982592424
Farmacia: C/ Camiño Real, nº 8, 27870 Xove Tlf: 982592057
Oficina de Información Xuvenil: C/San Bartolo, 27870 Xove Tlf: 982571816 HORARIO DE ATENCIÓN Ó PÚBLICO: De Luns a Venres: de 8.30 a 14:30
|
|
|
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA ‘MISIÓN AFGANISTÁN’
10/Setembro/2026
Concellería de Deporte e Turismo
-
O vindeiro luns 14 de setembro, ás 12:00 horas, inauguraremos no Salón de Actos do Concello de Xove a exposición fotográfica ‘Misión Afganistán’, organizada pola Subdelegación de Defensa en Lugo en colaboración co Concello de Xove.
A mostra reúne 30 imaxes, paneis informativos, uniformes e diverso material que permiten coñecer a realidade de Afganistán e o labor desenvolvido polas Forzas Armadas españolas durante a súa presenza no país, entre 2001 e finais de 2014.
Unha exposición que pon en valor o traballo realizado en materia de asistencia sanitaria, seguridade, loxística, vixilancia e cooperación coa poboación afgá, así como a importancia da paz e da seguridade.
Do 14 ao 27 de setembro. En horario todos os días de 9:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h. Salón de Actos do Concello de Xove.
Entrada aberta ao público.
Animámosvos a achegarvos e coñecer de primeira man esta interesante exposición.
Obradoiro de Emprego 2026
08/Setembro/2026
Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local
-
A Xunta de Galicia acaba de aprobar o proxecto de obradoiro dual de emprego denominado SENDAS DE BURELA, CERVO E XOVE XII solicitado polo Concello de Cervo para desenvolver nos tres municipios.
A resolución de concesión indica os seguintes datos: -Data límite de inicio: 15/10/2026 -Data límite de remate: 14/07/2027 -Nº de alumnado: 20 -Horas: 1440 -Especialidade: Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría (AGO0108)
No Concello de Xove contaremos con 6 persoas alumnas-traballadoras que aprenderán a profesión de auxiliar de xardinaría desenvolvendo os seguintes traballos: Saneamento, preparación de terreo e plantación de árbores autóctonas en zonas verdes. Actuacións en xardíns municipais. Acondicionamentos e mantemento de espazos municipais. Actividades de mellora medioambiental. Mantemento de rutas de sendeirismo.
As persoas interesadas en formar parte do alumnado-traballador que cumpran os requisitos para acceder ao obradoiro de emprego, deberán acudir inmediatamente (con cita previa) á oficina de emprego de Burela e cubrir a súa solicitude.
O Concello de Cervo será o encargado da selección, tanto do persoal alumno-traballador coma de dirección, docencia e xestión do Obradoiro SENDAS DE BURELA, CERVO E XOVE XII, polo que para máis información as persoas interesadas poderán contactar directamente.

Rehabilitación da Pista Polideportiva
07/Setembro/2026
CONCELLO DE XOVE
-
O Concello culmina a rehabilitación e mellora da pista polideportiva do parque de Xove cun investimento de 18.000 euros.
O Concello vén de rematar os traballos de rehabilitación e mellora da pista polideportiva do parque de Xove, unha actuación moi necesaria debido ao desgaste que experimentaba polo uso intensivo da mesma e do paso do tempo.
A intervención consistiu nunha reparación integral do peche perimetral e da estrutura soporte da pista multideportiva 3x3, así como na renovación completa do pavimento deportivo de céspede sintético, a colocación de canastas novas e a mellora na rede de protección.
Optouse por unha reparación integral da instalación debido a que o uso constante da infraestrutura representaba un risco significativo para os usuarios e facía inviable a práctica deportiva de maneira segura e adecuada, o que obrigou a acometer unha actuación completa en lugar dun simple tratamento superficial.
A valoración económica deste proxecto ascende a 18.000 euros e a actuación está financiada ao abeiro dun convenio para subvención directa polos ingresos percibidos pola Xunta de Galicia derivados do Imposto de Compensación Ambiental.
Con esta obra, o Concello reforza o seu compromiso coa mellora das infraestruturas deportivas municipais e coa creación de espazos seguros, accesibles e de calidade para a práctica do deporte e o lecer da cidadanía, especialmente da mocidade que fai un uso habitual desta instalación do parque de Xove.
Xove clausura o programa Xove Concilia Verán 2026
03/Setembro/2026
CONCELLO DE XOVE
-
Xove clausura mañá venres, 4 de setembro, o programa Xove Concilia Verán. Este servizo municipal ofreceu desde o primeiro día das vacacións escolares, 22 de xuño, apoio ás familias con necesidades de conciliar a vida laboral e familiar.
No Xove Concilia Verán participaron máis de 60 nenas e nenos de entre 3 a 10 anos, en horario de 8:45 a 14:00 horas, e atendéronse ás necesidades de 57 familias que precisaron de axuda para conciliar a súa vida laboral coa atención á familia, ó longo de todo o período estival de vacacións escolares.
O servizo está a cargo da empresa Sonaga Gestión S.L. e é cofinanciado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Plan Corresponsables. Ministerio de Igualdad. Gobierno de España.
Onte, 2 de setembro, o Alcalde e a Concelleira de Servizos Sociais, Sanidade, Muller e Políticas de Igualdade do Concello de Xove, reuníronse cos participantes de Xove Concilia Verán para agradecerlles a súa participación e facerlles entrega dun agasallo de despedida.
Desde o Concello de Xove agradecen a participación e a confianza das familias no Xove Concilia Verán 2026, así como o labor da coordinadora e das monitoras encargadas de facer posible a programación estival.
Festas Patronais de Portocelo 2026
02/Setembro/2026
CONCELLO DE XOVE
-
Portocelo toma o relevo das Festas de Xove con tres días de celebración na honra de Nosa Señora.
Unha vez rematadas as festas patronais de Xove, a celebración continúa esta fin de semana na parroquia de Portocelo, que se prepara para vivir tres intensas xornadas festivas na honra da Nosa Señora. Os días 4, 5 e 6 de setembro, a música, a gastronomía e a tradición volverán ser protagonistas nun programa pensado para tódolos públicos.
As festas darán comezo o venres 4 de setembro ás 21.00 horas coa celebración da Festa da Paella de Marisco ao estilo Portocelo. Nesta ocasión, o encargado de cociñar e servir a paella será o famoso tiktoker zamorano El Papi, que achegará o seu particular estilo a esta proposta gastronómica, que á vez estará amenizada pola Asociación Cultural Saíñas.

A música empezará ás 23.00 horas cunha gran verbena, que contará coa actuación do Dúo Musical La Hora Bruja e do Grupo Lecer.
O sábado 5 de setembro, as bombas de palenque, ás 10.00 horas, anunciarán o comezo dunha nova xornada de festa.
Os actos relixiosos terán lugar ás 13.00 horas, cunha misa solemne na igrexa de Vilachá, seguida dunha sesión vermú a cargo do Dúo Crazy no campo da festa de Portocelo.
Xa pola noite, a música volverá ser a gran protagonista cunha verbena que contará coas actuacións das Orquestras Charleston Big Band e Cinema. A xornada festiva do sábado rematará coa música da Disco Móbil Conxuro.
Servizo especial de autobuses.
Co obxectivo de facilitar os desprazamentos e favorecer que todas as persoas poidan gozar da festa con seguridade no desplazamento, o sábado haberá servizo especial de autobuses desde Viveiro, Xove, San Cibrao e Burela.
O programa festivo pecharase o domingo 6 de setembro cunha gran sesión vermú prolongada, que dará comezo ás 13.30 horas e que estará amenizada polo Dúo Primera Línea.
A organización destas festas corre a cargo da Asociación de Festexos A Medorra, que traballa incansablemente ao longo de todo o ano na organización de outros eventos para facer que todos os veciños e veciñas da parroquia e visitantes poidan desfrutar destas festas á Nosa Señora e como non, agradecen a toda a veciñanza e empresas a súa colaboración.
O Concello de Xove, como colaborador nestas grandes festas, convida a toda a veciñanza e ás persoas que se acheguen desde outros municipios a participar nestas festas de Portocelo e a gozar dunha fin de semana na que a tradición, a gastronomía e a música volverán encher de ambiente a parroquia.

As festas de Portocelo supoñen así a continuidade do calendario festivo do municipio despois das celebracións patronais de Xove, mantendo vivo o espírito festivo durante este primeiro fin de semana de setembro e dando un remate forte a un verán intenso e cheo de festas por todo o concello.
O Concello de Xove abre o prazo de matrícula para novo alumnado da escola municipal de música para o curso 26-27
01/Setembro/2026
Departamento de Cultura e Comunicación
-

O Concello de Xove informa de que hoxe, 1 de setembro, abre o prazo de solicitude de matrícula para o novo alumnado que queira formarse musicalmente na Escola Municipal de Música de Xove de cara ao curso 2026-2027.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude do 1 ao 30 de setembro, achegándose ao Rexistro Municipal, onde poderán cubrir e entregar o correspondente impreso de inscrición.
Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o luns 5 de outubro publicarase a lista de alumnado admitido e admitida para o vindeiro curso 2026-2027.
Novidade para este curso: reforzo da educación vocal
Para este novo curso, ademais de manter as materias e actividades habituais da Escola Municipal de Música, o Concello de Xove quere reforzar especialmente a educación vocal, ampliando a oferta para que esta formación non estea dirixida unicamente ao alumnado infantil.
Así, como novidade, a proposta estará tamén orientada ao alumnado adulto, coa finalidade de crear un espazo no que as persoas participantes poidan desenvolver as súas capacidades vocais e, sobre todo, formar parte dunha actividade coral en grupo.
Deste xeito, a Escola Municipal de Música de Xove quere abrir as súas portas a todas aquelas persoas da localidade que gosten de cantar e teñan inquedanza por desenvolver esta afección, ofrecéndolles a oportunidade de facelo de maneira colectiva e acompañada dende este mesmo curso 2026-2027.
Desde o Concello destacan que esta nova proposta pretende seguir facendo da Escola Municipal de Música un espazo aberto á participación da veciñanza, á formación e ao goce da música, creando novas oportunidades para achegarse á práctica musical independentemente da idade.
O Concello de Xove anima, polo tanto, a todas as persoas interesadas en iniciar ou continuar a súa formación musical a presentar a súa solicitude dentro do prazo establecido e, moi especialmente, a aquelas persoas adultas afeccionadas ao canto que queiran descubrir a experiencia de formar parte dun grupo coral.
Actuacións da Xunta de Galicia para a evolución tecnolóxica da Tdt en Xove
01/Setembro/2026
CONCELLO DE XOVE
-
A Xunta de Galicia puxo en marcha unha serie de actuacións para realizar os cambios necesarios e cumprir coa Fase 1 do proceso de evolución tecnolóxica da TDT nos centros de extensión de cobertura do sinal de televisión dixital terrestre.
No Concello de Xove, hoxe realizáronse actuacións nos seguintes lugares:
- A RIGUEIRA (SAN MIGUEL):• A Abelá • A Ponte do Carro• Ferrol• Labradela• Lamas• O Canaledo• O Pazo• O Prado Vello• San Vicente• O Torrillón• Soutorredondo• Vila
- O MONTE (SANTO ISIDORO):• As Cancelas
- XUANCES (SAN PEDRO)* Camba* Campo Susao* O Cruceiro* Pereiraboa
- PORTOCELO (SAN TIRSO)* Canelas* Portocelo* Villalpol
Estas actuacións forman parte do proceso de adaptación e evolución tecnolóxica da rede de TDT.

Actividades Mañás Activas e entrega de agasallos 2026
28/Agosto/2026
Oficina Municipal Información Xuvenil oix@xove.es
-
Desde o 1 de xullo e ata o 28 de agosto un grupo de 44 rapaces e rapazas, de idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos, participaron de luns a venres dunha variada axenda de actividades de lecer dentro do proxecto “Mañás Activas”.
Durante estes dous meses de verán a rapazada gozou de obradoiros temáticos de manualidades, xogos de grupo, xogos deportivos, dunha excursión ao karting de Arifran e varias xornadas na praia de Lago.

Este programa completouse con actividades deportivas ao aire libre monitorizadas por “Roq Sport” de Sup e Big Sup, Paintball e Parque de aventura.
O día 28 de agosto, o Alcalde Demetrio Salgueiro Rapa xunto coa Concelleira de Deportes e Xuventude Cristina Iglesias Guerreiro participaron na festa remate e fixeron entrega dun agasallo aos participantes.
Estas actividades están organizadas pola Concellerías de Xuventude, Deportes e a Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Mañás Activas” de conciliación e lecer no verán.
Corte do tráfico en Lago
28/Agosto/2026
CONCELLO DE XOVE
-
AVISO PARA TODOS OS USUARIOS E USUARIAS DA VÍA QUE VAI DENDE O CRUCE DO CENTRO SOCIAL DE LAGO ATA O BURGO DA BARXA, NA MESMA PARROQUIA DE LAGO
Os vindeiros días 31 de agosto, 1 e 2 de setembro, esta estrada permanecerá cortada ao tráfico con motivo dos traballos de mellora da ponte da Barxa.Durante estes días levaranse a cabo estudos xeotécnicos necesarios para obter información que permita planificar e executar adecuadamente as actuacións de mellora desta infraestrutura. Para realizar estes traballos é imprescindible que a maquinaria e o equipo humano poidan traballar in situ na propia ponte, polo que non será posible manter o tráfico rodado pola vía.
Por este motivo, recoméndase aos usuarios e usuarias que utilizan habitualmente esta ruta que empreguen outras vías alternativas e paralelas durante os días indicados. Só se permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. Desculpen as molestias que este corte poida ocasionar e agradecemos a súa comprensión e colaboración.

Curso de Pádel de verán 2026
28/Agosto/2026
Oficina Municipal Información Xuvenil oix@xove.es
-
Chega ao seu fin o Curso de Verán de Pádel que se desenvolveu durante os meses de xullo e agosto na pista municipal de pádel. Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas puideron iniciarse e mellorar as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e, sobre todo, pasándoo moi ben.
Grazas a todos os nenos e nenas pola súa participación e ás familias pola confianza e o apoio. Seguimos apostando polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. Esta actividade está organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e a Oficina de Información Xuvenil.

Festas de Xove 2026: Contos de igualdade
28/Agosto/2026
CONCELLO DE XOVE
-
As festas patronais de Xove deron comezo este xoves cunha actividade especialmente pensada para os máis pequenos da casa.

Ás 12.00 horas tivo lugar a actuación de Caxoto, que presentou o espectáculo Moito que limpar (contos de igualdade), unha proposta de contacontos que achega aos nenos e nenas, dun xeito divertido e próximo, historias e reflexións arredor da igualdade.
Ante a previsión de chuvia, a actividade, que estaba dentro do Programa Ler Conta Moito, tivo que cambiar a súa localización inicialmente prevista na praza anexa á biblioteca e trasladouse ao salón de actos do Centro Cívico de Xove, onde finalmente se desenvolveu con total normalidade.
Foron moitos os nenos e nenas, acompañados tamén por familiares e maiores, que se achegaron ata o Centro Cívico para desfrutar dos contos de Caxoto. A actuación permitiu aos máis pequenos vivir un momento de diversión e, ao mesmo tempo, achegarse a valores como a igualdade e a convivencia.
Deste xeito, as festas patronais de Xove comezan cunha actividade familiar que pon aos máis pequenos no centro da programación e que dá o pistoletazo de saída a varios días de celebracións na honra a San Bartolo e a Virxe do Carme.
Xovesperta 2026
26/Agosto/2026
Turismo, Investigación Social e Muller
-
Ábrese o prazo de inscrición no programa de madrugadores “Xovesperta” para o curso escolar 26-27.

XL Festival de San Bartolo
24/Agosto/2026
CONCELLO DE XOVE
-
O Concello de Xove anima a participar no XL Festival de San Bartolo, unha das grandes citas co folclore das festas patronais.
O Concello de Xove anima á veciñanza e ás persoas que nos visiten a gozar da XL edición do Festival de San Bartolo, unha das citas máis esperadas dentro do programa das festas patronais na honra de San Bartolo e a Virxe do Carme.
O festival, organizado un ano máis pola Asociación Cultural Saíñas de Xove, terá lugar o sábado, 29 de agosto, ás 19:30 horas, no Pavillón de Deportes de Xove e ofrecerá ao público unha tarde de música, baile tradicional, festa e diversión.
Nesta edición, o programa contará coa actuación do grupo Xoaniña da A. C. Saíñas, que volverá amosar o traballo que desenvolve a asociación a prol da conservación e difusión da nosa cultura e do noso folclore.
Como grupo convidado, o festival contará coa presenza da Asociación Folclórica O Arco da Vella, de San Miguel de Reinante, unha formación que achegará a Xove a súa música, os seus bailes e o seu saber facer, contribuíndo a crear ese ambiente festivo que caracteriza esta celebración e que, de seguro, fará as delicias do público asistente.
Desde o Concello de Xove queremos agradecer á Asociación Cultural Saíñas o seu traballo constante e incansable ao longo de todo o ano, así como o seu importante labor social e cultural. Grazas á súa dedicación, o noso folclore mantense vivo, transmítese entre xeracións e o nome de Xove viaxa por outros lugares, levando con orgullo a nosa identidade e a nosa cultura.

O XL Festival de San Bartolo convértese así na guinda das festas patronais, nun encontro para gozar da música e do baile tradicional e, sobre todo, para compartir unha xornada de festa coa veciñanza e con todas as persoas que se acheguen ata Xove.
Desde o Concello convidamos a toda a veciñanza e a quen nos visite a acompañarnos o sábado, 29 de agosto, ás 19:30 horas, no Pavillón de Deportes, para gozar desta gran festa do folclore.
Boas festas a todos e todas e vémonos no XL Festival de San Bartolo!

María Palmira Martinez Rouco celebra 100 anos
21/Agosto/2026
Departamento de Servizos Sociais
-
María Palmira Martinez Rouco celebra os seus 100 anos arroupada pola sua familia en Sumoas, no concello de Xove.
María Palmira Martinez Rouco celebrou no día de onte un día moi especial: o seu 100 aniversario, rodeada do cariño e do afecto de toda a sua familia en Sumoas. Con motivo desta data tan sinalada o alcalde Demetrio Salgueiro, acompañado das concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, quixeron achegarse para felicitala persoalmente, acompañala neste día tan importante e compartir con ela e coa sua familia esa celebración tan entrañable.

Chegar aos cen anos é un motivo enorme de alegría e orgullo, unha vida chea de experiencias, lembranzas e momentos compartidos que merecen ser celebrados.Desde o Concello queremos trasladarlle a María Palmira os nosos máis sinceros parabéns, desexándolle moita saúde, felicidade e que siga cumprindo anos así de ben, sempre rodeada dos seus seres queridos.

Moitos parabéns Palmira, e a seguir cumprindo!
Festas de Xove 2026
21/Agosto/2026
CONCELLO DE XOVE
-
Xove prepárase para vivir as súas Festas Patronais na honra a San Bartolo e a Virxe do Carme do 27 ao 31 de agosto.
O Concello de Xove e a Asociación de Festexos Montevelle presentan a programación das Festas Patronais 2026, que se celebrarán do 27 ao 31 de agosto, cun amplo programa de actividades pensado para todos os públicos e que combina tradición, cultura, música, gastronomía e lecer.

As celebracións darán comezo o xoves 27 de agosto ás 12 da mañá cunha actividade infantil na praza anexa á biblioteca a cargo de Caxoto, dentro do programa Ler Conta Moito. Pola tarde, o Salón de Actos do Centro Cívico acollerá o pregón das festas, que será pronunciado por D. Oliver Escobar, veciño de Xove e catedrático na Universidade de Edimburgo. A xornada rematará coa representación da ópera rock "O camiño do amor", do Grupo Claxxon, incluída no programa Concertos do Xacobeo.
O venres 28 de agosto continuará a programación coa actuación da Maga Fani para o público familiar ás 12 da mañá. Ás 20:00 horas celebrarase a tradicional Sardiñada Popular, amenizada pola Charanga NBA, e seguida dunha gran verbena coas orquestras Ritmo Joven e Grupo América.

O sábado 29 de agosto, día grande na honra a San Bartolo, comezará cos pasarrúas da Banda Naval de Viveiro e os cabezudos da A.C. Saíñas. Ás 13:00 horas celebrarase a misa solemne e a procesión, seguidas da sesión vermú coa Orquestra Principal. Pola tarde terá lugar o XL Festival de San Bartolo da man da A.C. Saíñas no pavillón de deportes para deleitar a todo o público asistente do mellor folklore popular. A noite culminará cun espectáculo de fogos de artificio e unha verbena amenizada polas orquestras Principal e Gran Parada, e rematando coa Disco Móbil Conxuro.
O domingo 30 de agosto, dedicado á Virxe do Carme, celebrarase a misa solemne e procesión acompañadas pola Banda CC.TT. Ntra. Sra. de la Misericordia. A continuación desenvolverase a sesión vermú co Grupo Nueva Fuerza e pola tarde. Ás 19:00 h levarase a cabo no Campo Municipal de fútbol de Xove o XXXVI TORNEO “CONCELLO DE XOVE” de Fútbol, que enfontará a U.D. Xove- Lago vs C.D. As Pontes. E xa pola noite, a verbena contará coa actuación da recoñecida Orquestra El Combo Dominicano.
As festas pecharanse o luns 31 de agosto, festivo local en Xove e que aproveitamos para conmemorar o Día da Infancia, cunha tarde de inchables na praza do Concello para o desfrute dos máis pequenos.
Desde a organización convídase a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunhas festas que volverán converter Xove nun punto de encontro para a convivencia, a música, a tradición e a diversión, grazas á colaboración da veciñanza, do tecido asociativo, empresas locais, e das distintas entidades que fan posible esta celebración.


|
|
|
|
 |
Piscina Municipal
|
Información Xuvenil
|
Escola Infantil
|
Medio Ambiente
|
Consumo
|
Escola de Música
|
Bolos
|
Punto Limpo
|
|