Mellorando ó acceso ó embalse do Torrillón

As obras de MELLORA DO ACCESO AO EMBALSE DO TORRILLÓN están prácticamente rematadas, tal como puideron comprobar hoxe o alcalde Demetrio Salgueiro e o arquitecto técnico municipal Benigno Mon, na visita que realizaron ao lugar. Este embalse, situado no lugar do Torrillón, nun outo da parroquia de A Rigueira, é un dos principais lugares de captación de auga do Concello, captando as augas do Río Rigueira.

As obras consistiron na apertura dunha pista de 300 metros de longo ata cerca do encoro. Esta pista, que inicialmente era un pequeno sendeiro de escasamente 1 metro de ancho, agora é un vial de 4 metros de ancho, o que permite o paso de vehículos ata as inmediacións. No remate desta pista construiuse unha ampla zona que permite virar (dar a volta) aos vehiculos que se desplacen ata alí para realizar labouras de mantemento.

Dende o final da citada pista ata o encoro propiamente dito hai algo máis de 100 metros, de moi difícil acceso, xa que se trata dunha zona escarpada. A solución proposta e realizada foi crear unha pasarela metálica que sigue o curso da arribada ata chegar ao embalse.

mellorastrri

Con esta actuación persíguese facilitar a chegada dos equipos de mantemento do encoro á súa proximidade, traballo que antes se facía moi penoso xa que había que transportar os citados equipos de mantemento a man durante unha longa distancia.

Outra característica importante desta obra foi o respecto polo entorno, xa que a zona onde se ubica o encoro ten unha floresta moi bonita e ben conservada, que queda a salvo, e posta en valor, grazas á pasarela instalada. Esta obra supuxo un investimento duns 36.000 €, que foron financiados integramente polo noso Concello.