Grabando un documental sobre o polbo en Xove

O percebe e o polbo son os protagonistas dunha Curta-Documental que se está a gravar en xove esta semana.

O proxecto impulsado desde o Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Xove e financiado polo Galp Mariña Ortegal, Construír o Futuro de Xove Mirando ao Mar, continúa realizando actividades no municipio Xovense. Agora mesmo están inmersos na gravación dunha curta-documental sobre o percebe e o polbo a través da cal se pretende abordar a calidade dos produtos pesqueiros e concienciar sobre a importancia da pesca sostible como ferramenta para mellorar o coidado dos ecosistemas nos que se dan estes produtos.

Marisqueiras e persoas representantes de diferentes entidades públicas e institucións como as Confrarías ou a Delegación de Pesca da Consellería do Mar, son as voces deste proxecto. Encargaranse de contar o proceso de extracción do percebe e o polbo, desgranar as diferentes normativas que rexen o sector e mesmo desvelarnos os motivos dos altos prezos que acadan estes produtos no mercado.  

Participan na rodaxe un equipo de cinco persoas integrado polo director xovense Lázaro Louzao, a axente de desenvolvemento local Rosa Lage, o educador ambiental Diego Vázquez Miramontes, a deseñadora Sol Álvarez e o produtor do proxecto Fabián Ben Conde de EMARELA.