Campaña “en Galego enténdote, non cambies”

O Concello de Xove fomenta o deporte en galego.- O Concello de Xove está a desenvolver unha campaña publicitaria, subvencionada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para reforzar o idioma galego a través do deporte.

Este proxecto ten dúas accións: Asesoramento ás entidades deportivas para a normalización e normativización da súa documentación, para que o galego sexa a súa lingua de comunicación. Esta acción desenvolveuse coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade da Mariña.

 

Campaña gráfica, deseñáronse e colocáronse 5 valos publicitarios de gran formato, empregando a imaxe de dez persoas do pobo vinculadas ao mundo do deporte, nas que se inclúe a pé de foto unha frase que describe a súa relación co idioma galego e un slogan común aos 5: EN GALEGO ENTÉNDOTE, NON CAMBIES. O obxectivo que se persegue con esta acción é incrementar o uso do galego, sobre todo incidindo nunha situación que se está a incrementar, a saber: o cambio de idioma de rapaces e rapazas (e doutras idades) galegofalantes cando a persoa interlocutora emprega o castelán e entende o galego.

Estes valos foron colocados nos espazos onde se practican os deportes que reflicten: campo de fútbol (no exterior), pavillón municipal (no interior) e piscina municipal (no interior). As persoas que cederon a súa imaxe foron elixidas pola súa vinculación co deporte e polo seu liderado:

 

Cristian Rodríguez. Campión galego de bolo celta, categoría xuvenil. Ano 2010.

Luís Fernández. Ex-xogador da U.D. Xove Lago

Quelle e Dani López. Xogadores do Xove Fútbol SalaximnasiaRistmicas

Mirta Escuredo. Nadadora do Clube de Natación de Xove. Subcampiona de España Absoluta 100 Braza. Ano 1998

Pilar Vázquez, Noela Bouza, Javiera Duarte, Alba Balseiro e Lucía Fernández. Conxunto cadete de Ximnasia Rítmica Xove. Subcampionas galegas deporte escolar. Ano 2012

Traballo conxunto:

Estas dúas accións realizáronse conxuntamente coas entidades deportivas do municipio que se interesaron en participar: ACD Xove, Escola de ximnasia rítmica, Fútbol sala Xove, U.D. Xove-Lago, Clube de bolos e Escola de natación.

As responsables municipais da campaña son Cristina Iglesias (concelleira de turismo e deporte) e Rosa Lage (axente de emprego e desenvolvemento local).

Carácter innovador:Trátase dunha campaña innovadora, xa que emprega a imaxe de persoas coñecidas veciñas dun pobo de menos de 3.600 habitantes, que serve como reclamo importante de atención.

Pretende incidir nunha situación concreta: o cambio de idioma de rapaces e rapazas (e doutras idades) galegofalantes cando a persoa interlocutora emprega o castelán e entende o galego, pensamos que tamén isto ten un carácter innovador.