O espectáculo ‘Contamos todas’ inicia mañá en Xove a xira por dez concellos

O espectáculo ‘Contamos todas’ inicia mañá en Xove a xira por dez concellos do Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade.

A Tropa de Trapo combinará os contos cun obradoiro participativo para facer reflexionar ao alumnado do IES Illa de Sarón arredor da igualdade de xénero

A Tropa de Trapo .- Marta Ortiz e Brais das Hortas levan dez anos percorrendo a xeografía galega como A Tropa de Trapo, un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos. Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. Por un lado, ritmo, música, narración áxil e pingas de humor. E, por outro, a convicción profunda da necesidade de falar de valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade.

O Fondo Galego de Cooperación.- O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 89 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.