Homenaxe as primeiras asalariadas no Dia Internacional da Muller
O Concello de Xove homenaxea ás primeiras mulleres de Xove que accederon ao mercado laboral; entendido este logro como a consecución dos primeiros postos de traballo rexidos por contratos laborais e remuneracións económicas a través dun salario.
A organización dos actos de homenaxe corre a cargo da Delegación Municipal de Muller e o Departamento de Servizos Sociais que preside a Concelleira Ana Abad. O Día Internacional da Muller celébrase en todo o mundo o luns 8 de marzo, pero para favorecer unha maior participación neste acto, en Xove os actos adiántanse para o DOMINGO, 7 DE MARZO.
O Salón de Actos do Centro Cívico vai ser o lugar onde se desenvolvan os actos o 7 de marzo, comezando a partires das 17:30 horas cunha presentación a cargo do Alcalde Demetrio Salgueiro, quen vai estar acompañado pola Concelleira Ana Abad e outras autoridades, e tamén  por, e iso esperemos, moitas persoas do Concello.

Dende a Concellería enviouse unha invitación a tódalas casas do Concello animando a participar neste acto, que vai ter como eixo central a un grupo de mulleres, pioneiras no traballo asalariado no noso Concello, e que son: Dna. Carmen Basanta López e Dna. Aurea Álvarez Díaz, ambas da parroquia de Lago e traballadoras do Lavadoiro de Caolín; e a  Dna. Leonor Galdo Val e Dna. Dolores Prieto Val, as dúas da parroquia de Lago e primeiras empregadas da Baleeira de Morás. Rematado este acto de homenaxe, tódolos/as asistentes  están invitados polo Concello a  participar na IIIª Chocolatada.  
Facendo un repaso pola historia, antes da profunda industrialización que nos trouxo Alcoa (antes Alúmina-Aluminio), en Xove, aló polos anos 50 do pasado século, podemos xa falar dunha participación da muller na industria; concretamente estamos a referirnos ao Lavadoiro de Caolín de Lago, onde catro mulleres traballaron no seu proceso de envasado, cobrando 4.000 pts. ao mes, o mesmo cos homes.
Xa nos anos 60, a instalación da factoría baleeira Massó Hermanos S.A. supuxo tamén unha incorporación da muller ao proceso industrial, chegando a traballar ata 12 mulleres nesta factoría de Morás;  os soldos que percibían, orredor das 20.000 pts. ao mes, neste caso eran inferiores aos dos homes.