O Concello adquire os terreos da Baleeira de Morás

FIRMA DE COMPRA DOS TERREOS

Onte o Alcalde de Xove Demetrio Salgueiro e o Director de Alcoa San Ciprián Rubén Bartolomé, nun acto celebrado na sede de Alcoa, procederon á firma do contrato de compra-venda dos terreos da Baleeira de Morás, polo cal o Concello adquiría estes terreos e as antigas instalacións da baleeira polo simbólico prezo de 1 €uro. Esta adquisición foi aprobada polo Pleno do Concello o pasado 18 de agosto, co obxectivo de restaurar a paisaxe litoral da pequena praia de "O Portiño", e mediante un convenio de actuación con Costas e Medio Marino proceder a súa demolición e á recuperación dunha zona verde que sirva, á vez, como lugar de esparcemento de veciños e visitantes, polo que manifiesta coñecer e aceptar totalmente as características constructivas e o estado actual dos edificios e terreos obxecto de compravenda.

Recordamos que esta factoría estivo en activo algo máis dunha década, dende comezos dos anos 60 ata comezos dos 70. Unha vez que a factoría cesou na súa actividade,  a factoría foi desmantelada polos seus propietarios, levándose  a maioría da maquinaria e elementos reutilizables a outra factoría. Durante os seguintes anos as naves e o entorno da factoría pasaron a mans de Alúmina/Aluminio (agora Alcoa), quens utilizaron as naves como almacén, función que deixaron de ter xa hai uns anos. Polo tanto, trátase dun espazo  e unhas estructuras sen utilizade ningunha neste intre.

 A seguinte  actuación que se vai a dar, despois de recuperada a titularidade pública, vai ser a demolición das estructuras existentes, para nunha seguinte fase reconvertir esa área en espazos verdes e recreativos. Na fase de demolición está previsto que tódolos residuos sexan totalmente reciclados, o que non podería ser doutra maneira.

Dado o alto custo que suporía afrontar estes traballos, dende o Concello xestionouse que fose a Dirección General de Costas quen afrontase os  traballos de demolición e creación da área recreativa.  A área que comprende a Praia e o Portiño de Morás é unha zona especialmente bonita do noso Concello; a dotación desta nova zona con amplas áreas verdes e recreativas supón  unha aposta polos valores naturais do  Portiño, aumentando o valor paisaxístico de todo o entorno e devolvéndolle aos veciños e visitantes un espazo para o seu uso e disfrute.